Thursday 19 de September de 2024

O Concello licita os traballos de mellora en camiños de Bemantes, Bañobre e Vilanova


• A actuación, valorada en 49.526,93 euros, supoñerá a pavimentación e asfaltado en As Cobelas (Bemantes), no Camiño Real (Bañobre) e no de Ar, en Buíña (Vilanova).

O Concello de Miño dá continuidade ao seu plan de mellora de camiños en todas as súas parroquias coa recente licitación dos traballos de mellora en tres camiños do termo municipal.

A actuación, valorada en 49.526,93 euros con cargo ao remanente municipal, permitirá o acondicionamento do firme en As Cobelas (Bemantes), no Camiño Real (Bañobre) e no Camiño de Ar en Buiña (Vilanova).

Os traballos consistirán na pavimentación e o asfaltado dos devanditos viais, mellorando deste xeito as condicións de circulación e a seguridade para o tráfico rodado.
Adicionalmente, no proxecto inclúense intervencións como a limpeza de cunetas e a habilitación de sinais de seguridade viaria. Tanto no Camiño Real como no de Ar instalarase unha tubaxe de PVC para a rede de saneamento, e colocaranse estruturas para a suxeición de contedores con brazo frontal.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, sinala que “a actuación está dirixida a continuar a nosa liña de traballo, que non é outra que ampliar e mellorar servizos públicos municipais para a veciñanza”.